Ageinco colaborará no informe do CES sobre o sector industrial galego

Representantes da Asociación Gallega de Empresas de Ingeniería, Consultoría y Servicios Tecnolóxicos (Ageinco) encabezados pola secretaria xeral da organización, Marta Gallego, visitaron a sede do CES para ofrecer a súa participación no estudo “Por unha alianza no sector industrial galego”, que está a desenvolver este organismo consultivo. Nunha reunión coa presidenta do CES, Corina Porro, os membros de Ageinco amosaron o seu interese en abrir un cauce de colaboración na iniciativa, para colaborar e participar nas distintas áreas  de traballo.

Dentro da idea de ampliar o diálogo a todos os sectores e actores implicados que está na base deste proxecto, ese ofrecemento foi moi ben recibido polo Consello.

Segundo os asociados, a enxeñería é un sector estratéxico para Galicia (foi recoñecido como tal pola Xunta) e está previsto que en un prazo dun ano se constitúa como cluster.

A aportación de Ageinco, logo deste primeira toma de contacto, serviría para dotar ao informe dunha visión empresarial, desde a experiencia e o coñecemento dos asociados das relacións entre as empresas multisectoriales e as administracións públicas.

A presidenta do Consello agredeceu o ofrecemento e ambas partes quedaron en buscar o mellor encaixe de colaboración nos distintos grupos de traballo.

Compartir