As oportunidades de negocio nos mercados internacionais centran a tribuna de Ageinco con Redbus

16 empresas da Asociación Galega de Enxeñería xa están traballando fóra de España en países como México, Colombia, Chile oi Perú

Os sectores máis atractivos para a enxeñería galega son o medio ambiente, o saneamento, abastecemento, estradas, transportes e enerxía

18 de novembro 2016.- A Asociación Galega de Empresas de Enxeñería, Consultoría e Servizos Tecnolóxicos (AGEINCO) celebrou hoxe en Vigo a súa segunda tribuna co socio director da empresa REDBUS, Rodrigo Saldaña. O obxectivo deste almorzo de traballo era apoiar ás empresas de enxeñería asociadas na busca de oportunidades latentes no mercado das licitacións públicas internacionais. As cifras de negocio obxecto de licitación anual superan los 100.000 millóns de dólares.

Das 21 empresas que integran AGEINCO, dezaseis xa se atopan traballando no mercado internacional, segundo explicou o presidente de AGEINCO, Fernando López Mera, quen salientou que “algunhas destas empresas traballan da man de compañías privadas e o certo é que fan un esforzo moi importante por estar noutros países, coa dificultade que iso conleva”. Ademais, López Mera lamentou que “é moi complicado para unha empresa española traballar en países como Estados Unidos. De feito so un dos nosos asociados ten a acreditación para traballar en USA”.

Mercados potenciais

Rodrigo Saldaña indicou que o países en vías de desenvolvemento “son mercados con maior potencialidade e receptores de fondos multilaterais, en especial aqueles máis próximos xeograficamente, como os africanos, e os máis afíns cultural e idiomaticamente, como os de Latinoamérica”. De feito, as empresas de AGEINCO xa desenvolven algunha actividade en países como México, Colombia, Chile ou Perú. Tamén están presentes, aínda que en menor medida, nos países árabes, en Asia e en África. Os sectores que concentran un maior interese para as empresas de enxeñería galegas son o medio ambiente, o saneamento e abastecemento, as estradas e os transportes, así como a enerxía.

Para as empresas de enxeñería galegas é moi importante buscar oportunidades de negocio no  exterior se queren sobrevivir á crise económica que vive España, en especial ás constantes encomendas que o Goberno está a realizar a empresas públicas de enxeñería así como á competencia desleal das Universidades. O problema é que “para poder acceder a traballos no mercado internacional che piden experiencia en obras similares realizados nos últimos años”, explicou o presidente de AGEINCO.

Pola súa banda, Rodrigo Saldaña falou aos presentes de como funciona este servizo personalizado de identificación temperá de oportunidades comercias a nivel internacional, de que ademais ofrece ás empresas da asociación a posibilidade de buscar socios locais para poder constituír UTES e así ter posibilidades reais de acceder a estes concursos. Dito servizo tamén conta cun listado de expertos a disposición das compañías.

As empresas de AGEINCO amosaron o seu interese por este servizo, que as fará máis competitivas no mercado internacional e que lles permitirá interactuar de forma coordinada e complementaria ao ICEX, ao IGAPE e a Confederación de Empresarios de Galicia. Outros puntos de interese son que o mercado multilateral ofrece seguridade de cobro, ao estar financiados os proxectos por prestixiosos organismos internacionais, e que estes traballos aportan prestixio e diversificación ás empresas.

Segundo explicou o socio director de REDBUS, a taxa de retorno en adxudicacións por parte das empresas españolas é moi positiva xa que por cada euro aportado por España aos organismos internacionais, as empresas españolas obteñen de media 10 euros. “As licitacións no son un territorio de oportunidade exclusivo para as grandes empresas construtoras, xa que a experiencia demostra as grandes posibilidades de éxito de pemes especializadas en satisfacer necesidades vinculadas a unha licitación de subministro, obra ou servizos no mercado multilateral”, explicou Rodrigo Saldaña.