AGEINCO amosa o seu interese por colaborar cos Concellos pontevedreses na elaboración de Plans de Mobilidade Sustentable

AGEINCO amosou o seu máximo interese por colaborar cos Concellos de Pontevedra na elaboración de Plans de Mobilidade Sustentable. Foi durante unha Tribuna AGEINCO protagonizada polo deputado provincial de Mobilidade e Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez. No acto participaron tamén o presidente de AGEINCO, Fernando López Mera; a secretaria, Marta Gallego, e varios integrantes da xunta directiva e da asociación, ademais de Daniel Romay e Jesús Aser, técnico e asesor do departamento de Mobilidade da Deputación, respectivamente.

Benítez explicou os detalles da convocatoria que acaba de efectuar a Deputación para axudarlles aos Concellos a elaborar Plans de Mobilidade Sustentable. Esta liña de axudas conta cun orzamento inicial de 300.000 euros. Por iso, animou ás empresas dos sectores da enxeñería e da consultoría a ofrecer os seus servizos aos Concellos. O responsable provincial de Mobilidade e Cooperación Transfronteiriza expuxo que nun futuro próximo numerosas convocatorias para acceder a fondos europeos terán como requisito que as planificacións urbanísticas municipais conten con Plans de Mobilidade Sustentable. Benítez detallou que, aínda que a subvención a concede a Deputación, son os Concellos os que deberán encargarse de contratar e executar o proxecto.

O presidente de AGEINCO, Fernando López Mera, recolleu a proposta “por interese propio das empresas asociadas e, por suposto, tamén polo interese común da asociación”. Neste sentido, López Mera destacou que as empresas de enxeñería e consultaría galegas son as máis indicadas para a realizar estes Plans de Mobilidade Sustentables, grazas á elevada preparación e know how que acumulan.

Concursos públicos

Por outra banda, Fernando López Mera aproveitou o encontro para trasladarlle a Uxío Benítez a preocupación da enxeñería e consultoría galegas por como se están desenvolvendo os concursos públicos nalgunhas Administracións, onde prevalece por riba de todo o criterio económico, incluso rozando as baixas temerarias, fronte a outros aspectos que redudan nunha maior calidade do proxecto, tales como a profesionalidade, a experiencia ou a fiabilidade da empresa. O deputado provincial amosou a súa máxima sensibilidade con esta cuestión e expuxo que a Deputación xa está corrixindo os criterios utilizados para licitar proxectos, posto que a primacía do criterio económico ten ocasionado xa malas experiencias e, ao final, maiores custos.

De feito, Uxío Benítez reivindicou o papel dos profesionais da enxeñería e da consultoría no novo modelo de mobilidade que impulsa. Benítez sinalou a “importancia de que haxa equipas multidisciplinares que poidan achegar diferentes visións sobre a mobilidade” e deixou patente que “a sensibilidade con respecto á sustentabilidade, á accesibilidade e á recuperación do espazo público a nivel técnico son fundamentais para desenvolver a nosa estratexia”.

Estratexia provincial

A nova estratexia provincial de mobilidade, tal como explicou Benítez, ten como eixos principais aumentar a seguridade viaria e a calidade de vida da cidadanía a través dunha nova xerarquía de prioridades: “situamos primeiro o peón, logo o ciclista, despois o transporte público e, en último lugar, o vehículo privado”, describiu o deputado nacionalista. Uxío Benítez detallou que esta visión política conforma unha filosofía de traballo que a Deputación leva á práctica con plans como o de Mobilidade e Velocidade Segura (MÓVESE). Entre as acción que se acometen nel, ademais dos plans municipais, destaca o calmado do tráfico mediante redutores físicos de velocidade ou a redacción dunha Guía Práctica de Mobilidade que inclúe experiencias punteiras realizadas na provincia e serve de referente para futuras actuacións.

  • En los medios:

     El Correo Gallego